Festa da Empanada da Bandeira
A Bandeira: capital das mellores empanadas
O prato popular prepárase con gran variedade de ingredientes nesta festa
Desde 1974, A Bandeira, en Silleda, presenta as empanadas máis orixinais nun evento no que profesionais da hostalería e veciñas e veciños afánanse por sorprender. Fano variando presentacións, experimentando con ingredientes ou buscando o sabor máis peculiar. E conségueno, pois na Festa da Empanada as persoas asistentes cóntanse por milleiros, especialmente durante a cea, cando se degustan as variedades desta receita singular tan propia das Rías Baixas e de toda Galicia.
A Festa da Empanada supón unha homenaxe a unha das receitas máis populares da gastronomía galega. Está organizada pola Asociación de Amigos da Empanada, encargada, ademais, de escoller as mellores empanadas de Galicia.
Ao longo do día, profesionais da hostaleira local e veciñas e veciños achegan as súas elaboracións para que sexan expostas nas casetas do festival. Posteriormente, ten lugar un concurso no que un xurado experto elixe as mellores empanadas. É, entón, cando comeza un dos momentos que máis singularizan á Festa da Empanada da Bandeira: unha cea popular na que decenas de grupos e familias degustan as distintas receitas de empanada.
Cada ano esta celebración sorprende pola súa orixinalidade, pois as e os participantes afánanse por mostrar as elaboracións máis sorprendentes, xa sexa polo seu sabor, polos ingredientes empregados ou pola presentación.
Fervenza do Toxa, turismo de natureza
Na Bandeira, situada na Vía da Prata, na comarca de Deza, as e os visitantes poden gozar do turismo de natureza, con recursos entre os que destaca a popular fervenza do Toxa.