Danza das espadas de Marín
Unha danza de catro séculos en Marín
A vila honra a San Miguel cun baile tradicional vistoso e colorista
Desde o ceo, o arcanxo san Miguel lanzou todas as súas forzas contra o dragón e os seus soldados, axudado do seu séquito de anxos fieis, e desta maneira o dragón foi vencido e lanzado á Terra. Desde entón, o arcanxo adoita estar representado como un anxo guerreiro con casco, espada e armadura. En Marín, os homes e mulleres que se aventuran no mar réndenlle tributo ao santo anualmente.
No mar non hai dragóns, ou polo menos somos conscientes diso agora, pois as antigas cartografías mariñas trazaban monstros nos confíns do mundo. Mais o embravecido mar non require de ningunha fera para chamar ás desgrazas, e ben o saben as vilas costeiras. En 1639 creouse a Cofradía de San Miguel, patrón do Gremio de Mareantes e da vila de Marín, para que os mariñeiros lle rendesen tributo e veneración como protección contra os perigos do mar, así como agradecemento polos froitos que obtiñan del.
E aínda que se perderon os arquivos que conservaban a documentación desta tradición, as e os historiadores pensan que a orixe da danza das espadas data do século xvii, que non é outra cousa que o ritual visible en agradecemento ao patrón.
O desfile está formado por tres grupos, con máis dun centenar de persoas encargadas de realizar o baile. Lévase a cabo en forma de procesión, mentres se porta ao santo, e detense en tres puntos do traxecto para realizar a danza, concretamente enfronte do palco de música da alameda, na praza de España e finalmente na praza do Reloxo.
A confraría desapareceu no século xix e, con ela, a danza e o ritual. A mediados do século pasado, o Ateneo Santa Cecilia decidiu recuperar esta tradición e devolveulle o baile a Marín en 1959. Desde entón cumpre coa súa cita anual co santo patrón, que xa vai alcanzar case catro séculos de historia.
Para ver e percorrer
Achegarse a Marín permite coñecer algunha das súas bonitas praias, entre as que se atopan Mogor, Aguete ou Loira. Outra boa opción é visitar o parque dos Sentidos.