Ir o contido principal
DESCUBRIR

Festa da Troita

Ponte Caldelas réndelle tributo á troita

A troita é o produto gastronómico por excelencia de Ponte Caldelas, que lle rende culto desde 1967 nunha festa declarada de interese turístico de Galicia en 2001 pola súa importancia e polo seu atractivo. A cita naceu co dobre obxectivo de premiar a afección á pesca de río, moi estendida na comarca, e de promocionar a vila. Hoxe é un evento consolidado que atrae máis de dez mil persoas a última fin de semana de maio para degustar as racións da raíña do río Verdugo.

A Festa da Troita ten medio século de vida. Naceu por mor da iniciativa dun grupo de persoas afeccionadas á pesca e nela xa se reparten máis de 6 300 racións entre o aluvión de comensais que acode a Ponte Caldelas para degustala. Ás tradicionais receitas de troita en escabeche e frita súmanselles agora outras creacións culinarias xurdidas do curso de elaboración de tapas organizado polo concello, como a troita en empanada ou á vinagreta en tosta. Os restaurantes implícanse a fondo e ofrecen unha gran variedade de preparacións deste peixe.

 

Pesca de la trucha Ponte Caldelas

 

A degustación, que se realiza na alameda, á beira do río, vén acompañada de numerosas actividades que enriquecen a celebración como exposicións, concertos, probas deportivas, cursos de iniciación á pesca, unha concentración de motocicletas e un certame coral.

O Concurso Internacional de Pesca na modalidade de salmónidos ocupa un lugar clave no nacemento e na consolidación da Festa da Troita. Pescadores de diferentes puntos de Galicia e Portugal danse cita en Ponte Caldelas para facer as súas capturas e gañar algún dos trofeos nas diferentes modalidades e categorías.

O certame, un dos máis esperados da tempada de pesca na eurorrexión, contou desde o principio cunha numerosa participación, que contribuíu, ademais, a promocionar Ponte Caldelas. Ademais dunha comida de confraternización e exaltación da troita, organizábanse xa entón actividades lúdicas e culturais que axudaron a consolidar a festa no transcurso das décadas seguintes.

 

Fiesta de la trucha

 

Este evento sempre espertou a admiración de escritoras, escritores e intelectuais. Xa desde a súa primeira edición publícase o Libro da Festa da Troita, que recolle o programa de actividades, o regulamento do Concurso Internacional de Pesca e unha memoria das noticias e dos acontecementos máis significativos do municipio. No primeiro número figuraba un artigo do escritor Álvaro Cunqueiro en honra a troita, así como outra colaboración do historiador José Filgueira Valverde. Outro soado escritor galego, Celso Emilio Ferreiro, e o cineasta Chano Piñeiro tamén deixaron o seu selo na festa. «Galicia é o país dos dez mil ríos», escribía Cunqueiro. A troita, que destaca polo seu exquisito sabor pero tamén polas súas numerosas propiedades nutricionais, é a raíña do Verdugo.

Visitar Ponte Caldelas é unha oportunidade para estar en contacto coa natureza e gozar dun dos mellores paseos do interior de Galicia. A localidade conta cun itinerario declarado sendeiro azul, con 8,3 quilómetros de lonxitude. O percorrido parte da praia fluvial e do balneario, e avanza pola beira do río Verdugo. Ao longo da senda, a primeira interior de toda España en contar con esta prestixiosa distinción concedida pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) —organismo europeo que outorga as bandeiras azuis—, destacan as pontellas (pequenas pontes), os muíños, un peto de ánimas e as fontes, entre outros elementos etnográficos, ademais da espléndida paisaxe e a diversidade da flora e a fauna.

Desplegable