Festa do Galo de Curral
O galo de curral, un manxar en Vila de Cruces
Hai unhas décadas, no rural galego os galos crecían en liberdade, polo que a súa carne era dun sabor único. Aínda que se foi perdendo co tempo esta cría tradicional, nalgunhas zonas logrouse recuperar e manter. É o caso de Vila de Cruces, municipio pontevedrés no que o galo de curral é o protagonista da festa gastronómica declarada de interese turístico de Galicia.
Aquelas persoas que crían o galo de curral de Vila de Cruces esforzáronse para que este manxar, propicio para multitude de elaboracións, estea presente nalgúns dos máis reputados restaurantes españois e mesmo chegue a numerosas cidades fóra das nosas fronteiras.
Esta vianda adoita incluírse nas cartas dos establecementos locais durante todo o ano, pero ao chegar a primavera Vila de Cruces fixa o día grande do galo de curral. Durante todo o día sucédense actividades entre as que destacan a exposición e exaltación dos pratos elaborados con esta ave de carne magra de cor intensa e sabor inigualable.
Tampouco faltan as propostas musicais, con actuacións durante todo o día, como o Festival de Bandas de Galicia, que cumpre os mesmos anos que o propio certame gastronómico e reúne en Vila de Cruces algunhas das agrupacións máis prestixiosas de Galicia. A lectura do pregón é outro dos actos que congregan milleiros de visitantes neste municipio.
Paisaxe e tradición
Ademais da súa gastronomía, Vila de Cruces ofrece espazos paisaxísticos e naturais como a área recreativa da Carixa, en Merza, ou as illas de Gres, e museos tan singulares como o Neira Vilas ou o da Minería, en Fontao.