Festa do Monte da Guarda
A Guarda mira a súa montaña máxica
A vila celebra a Festa do Monte a mediados de agosto
A Guarda enfráscase en dez días de festa coa vista posta en Santa Trega, un lugar repleto de historia no que reinan as casas circulares do xacemento arqueolóxico máis importante do noroeste peninsular. A vila mergúllase nas Festas do Monte, declaradas de interese turístico de Galicia e nas que a subida á montaña, o domingo, representa o momento álxido das celebracións múltiples e variadas.
As festas da Guarda inclúen unha ampla programación de actividades, entre as que destacan as verbenas na Alameda e o desfile folclórico tradicional e de bandas mariñeiras, un dos actos que congrega unha maior cantidade de público. Ao redor de tres mil persoas toman parte neste evento entre grupos musicais, particulares e bandas. A cita terá lugar o sábado ao mediodía.
Un día despois chegará o momento álxido: a subida das bandas mariñeiras ao monte durante a mañá. As e os participantes na romaría iniciarán a súa andaina ata o cume do Trega nunha xornada festiva e musical na que as persoas participantes prometerán regresar «ao monte» o ano seguinte.
O Desfile Folclórico Tradicional e de Bandas Mariñeiras, o sábado ao mediodía e con tres mil participantes, será a antesala da subida ao monte para a comida e a «xura»
Máis de dez mil persoas congréganse na montaña para participar na comida popular e realizar a xura con viño nas bandas mariñeiras, un grande espectáculo para a vila, repleto de colorido polas vestimentas propias de cada agrupación «mariñeira». Bombos, gaitas e pandeiretas soan durante esta gran xornada co seu característico son ata finalizar a festa coa desfeita na baixada do monte ata o parque do Cancelón.
Outras actividades que se celebran ao longo da semana son as carreiras pedestres, a Marcha Cicloturista Popular, o Trofeo Festas do Monte de Hóckey Liña, as actividades infantís na Alameda da Guarda, e a música tradicional nas rúas da Guarda a cargo de grupos de gaiteiros.
As orixes, hai máis dun século
En 1913 descubriuse o gran xacemento arquitectónico de Santa Trega e, un ano máis tarde, iniciáronse as escavacións arqueolóxicas que, cos anos, se converteron no recurso turístico e cultural máis visitado das Rías Baixas. As Festas do Monte naceron para conmemorar a iniciativa da Sociedade Pro-Monte e os sucesivos achados deste gran xacemento. En principio, o acontecemento xurdiu cun carácter moi familiar, pero moi pronto adquiriu gran relevancia na zona, polo que se foi complementando con outras actividades culturais.
As festas están organizadas pola Asociación Cultural e Deportiva O Cancelón e o Concello da Guarda, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e dunha representación das Asociacións Culturais e Deportivas da vila.