Ir o contido principal
DESCUBRIR

Festa do Choco

Unha festa para o padal

En Redondela lévase pescando choco durante máis de tres séculos. Este molusco cefalópodo é, en toda a provincia de Pontevedra, un prato que identifica con forza este concello das Rías Baixas, ata o punto de que os redondeláns e redondelás son coñecidos popularmente como choqueiros e choqueiras, un xentilicio non oficial pero fondamente arraigado no imaxinario popular.

Cada primeira quincena de maio, a vila énchese de festa para render homenaxe, como merece, ao rei dos seus mares... e das súas cociñas. Unha gran carpa instálase no centro da localidade, converténdose no epicentro da degustación popular, mentres os establecementos de hostalería compiten por sorprender coa variedade e creatividade das súas receitas á base de choco.

Choco redondela

 

Choco redondela

 

A afluencia de visitantes en cada edición se multiplica e xa se conta por miles. Se ben o choco é, por suposto, o protagonista destas preparacións, os ingredientes que o acompañan varían tanto como a imaxinación de cada cociñeiro. Con arroz, guisado na súa tinta, con patacas, con ameixas, en empanada, en fabada ou con grelos, son só algúns dos pratos que fan as delicias de calquera comensal.

Ademais de propoñer unha festa para o padal, a celebración convértese tamén nunha proba de orixinalidade entre os establecementos hostaleiros, que compiten por obter distincións coas súas propostas, tanto creativas como tradicionais.

Moito máis ca unha celebración, este evento é unha manifestación da importancia do choco na idiosincrasia de Redondela. Os chocos críanse en augas municipais e son capturados a man na enseada de San Simón, onde son especialmente abundantes, mediante o uso de nasas, unha técnica tradicional transmitida de xeración en xeración.

A maiores da oferta gastronómica, hai moitas razóns para visitar esta vila: a música e o ambiente lúdico enchen as rúas dende a mañá ata a noite, cando o festival engade ritmo e diversión para todos os públicos.

E, ademais de gozar do sabor máis auténtico de Redondela, esta localidade das Rías Baixas permíteche descubrir outros tesouros destas terras: a illa de San Simón, o Camiño de Santiago e as sempre fascinantes paisaxes, praias e rutas naturais.

Choco redondela
Choco redondela
Choco redondela
Choco redondela
Desplegable