Ir o contido principal
DESCUBRIR

Festa do Carneiro ao Espeto

Año ao estilo da Pampa en Moraña

A Festa do Carneiro ao Espeto rende homenaxe á receita dos emigrantes retornados

A carballeira de Santa Lucía acolle a Festa do Carneiro ao Espeto, que se celebrou por primeira vez en 1969 e é unha das máis antigas das Rías Baixas no apartado culinario. Nesta, un grupo de expertos asadores cociñan a lume lento máis de cen cordeiros para servirllos aos comensais congregados baixo a sombra dos carballos.

O asado ao espeto fixo fortuna en Moraña fai un século e, co paso dos anos, esta forma de cociñar o cordeiro converteuse en tradición. A finais dos anos sesenta, o concello, nun momento no que as festas gastronómicas estaban en auxe, propuxo facer coincidir a Festa da Mocidade coa degustación do asado crioulo. Aos poucos, o carneiro ao espeto converteuse no máximo expoñente da gastronomía local e a festa atrae actualmente visitantes de toda Galicia.

Na primeira edición servíronse 16 años, e a dimensión e popularidade do evento aumentou progresivamente. As e os cociñeiros colocan ao redor das fogueiras as estruturas de ferro nas que se atan os exemplares abertos en canle; as brasas de madeira de carballo acentúan o sabor especial das pezas, que se cociñan a lume lento durante sete horas sen ningún tipo de adobo.

Cada año ao espeto véndeselle enteiro aos comensais, no canto de por racións. O lote, a un prezo de 300 euros, inclúe un año de 12 a 14 quilos, empanadas de trigo, de zorza e de bacallau con uvas pasas, pan, viño tinto da terra, auga mineral, salsa especial ajilimójili —a base de herbas e condimentos para realzar o sabor da carne—, café, augardente e servizo completo de mesa. 

A cita gastronómica vén acompañada dun amplo programa de actividades. Bares e restaurantes desta localidade da comarca de Caldas participan nas semanas previas no concurso Espétalle un Pincho, e no parque de Santa Xusta realízanse actividades multiaventura con xogos populares, tiro con arco e tirolesa.

A música tradicional ocupa un importante espazo co festival folclórico organizado polo grupo local de música e baile tradicional Seixebra. O evento benéfico Moraña Glamour —unha noite de moda, beleza, espectáculo e solidariedade— é outra das iniciativas durante a Festa do Carneiro ao Espeto.

A Gran Gala Carneiro ao Espeto na carballeira precede, a noite do sábado, a gran comida popular.

 

Carneiro ao Espeto
Carneiro ao Espeto
Carneiro ao Espeto
Carneiro ao Espeto
Desplegable