Ir o contido principal
DESCUBRIR

Reconquista de Vigo

Da batalla á festa

A recreación histórica invade o casco vello da cidade

Pescadoras e pescadores, campesiñas e campesiños, artesás e artesáns, soldados e outras e outros personaxes da época percorren o barrio histórico de Vigo durante a primeira fin de semana despois de cada 28 de marzo. A cidade mergúllase na Festa da Reconquista, que rememora a expulsión do exército francés a mans do pobo fai dous séculos.

Reconquista

Vigo regresa a marzo de 1809 durante a fin de semana da Reconquista, pero o asedio armado daquelas datas é hoxe unha festa multitudinaria. A zona vella da cidade, que tras a xesta recibiu o título de «fiel, leal e valerosa», convértese nun enorme mercado ao aire libre polo que transitan centos de personaxes vestidos de época. O espírito daquela fazaña impregna o ambiente mentres milleiros de persoas se divirten nos postos rueiros, bares, restaurantes, taperías e terrazas.

A teatralización da revolta realízase en distintas zonas do centro histórico ata a expulsión do exército de Napoleón, que foxe en barco ante o asedio do pobo

A Reconquista é un capítulo que marcou profundamente a identidade de Vigo, pero a festa, impulsada pola Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, naceu fai apenas dúas décadas. Neste tempo converteuse nun evento imprescindible, grazas á implicación de todas as veciñas e veciños, á participación masiva na recreación dos acontecementos históricos e ao animado ambiente no casco vello.

A festa recrea a expulsión do exército de Napoleón durante a guerra da Independencia. Os soldados galos tomaron a praza o 31 de xaneiro e esta quedou baixo o mando do comandante Chalot. O espírito da Reconquista prendeu pronto en Vigo e, só 57 días despois, o asedio da localidade amurallada chegou ao seu fin grazas á intensa mobilización do pobo vigués. Personaxes como Cachamuíña, Carolo, Aurora, o entón alcalde, Vázquez Varela, ou o capitán Almeida son moi queridos polas viguesas e vigueses, que se entregan cada ano nos festexos para rememorar aquela vitoria.

A escenificación histórica arrinca coa destitución da corporación municipal na praza do Berbés e péchase coa representación na Porta do Sol, un verdadeiro espectáculo en movemento desde o inicio na porta da Gamboa ata a expulsión definitiva do exército francés na zona do Náutico.

A fin de semana seguinte, ademais, continúan as celebracións coa Festa da Brincadeira de Bouzas, tamén con mercado e demostracións de artesanía, neste lugar que por aquel entón era independente de Vigo e tivo un papel importante na expulsión do exército de Napoleón.

Reconquista
Reconquista
Desplegable