Ir o contido principal
DESCUBRIR

Romaria Vikinga de Catoira

Os piratas nórdicos desembarcan ao pé das torres de Oeste en busca de festa

As torres de Oeste vixían aínda hoxe maxestosamente a entrada desde a ría de Arousa ao río Ulla máis de mil anos despois das incursións dos viquingos, que atacaban Galicia para saquear o ouro de Jakobsland, como denominaban a Santiago de Compostela. Na actualidade, as ruínas desta antiga peza defensiva son, o primeiro domingo de agosto, o escenario do espectacular e divertido desembarco dos guerreiros nórdicos. A festa, de interese turístico internacional, atrae cada ano máis de 50 000 persoas.

O conxunto fortificado das torres, monumento histórico-artístico nacional desde 1931, formaba parte da rede de defensa marítima xunto coas torres da Lanzada (Sanxenxo) e San Sadurniño (Cambados). Desde alí alertábase a Compostela da chegada de invasores para solicitar reforzos.

A Romaría Viquinga naceu en 1961 por iniciativa dun grupo de amigos que se reunían na cantina da estación ferroviaria, rexentada por Segundo Rodríguez Sánchez, fundador do Ateneo do Ullán. As persoas que formaban parte desta entidade organizaron unha comida en honra do arcebispo catoirán Xelmírez. Alí produciuse unha anécdota que daría lugar a unha festa que hoxe é internacional e que irmandou Catoira cos países de tradición viquinga. Aqueles amigos divisaron nos montes de Isorna (Rianxo) un lume e, segundo os testemuños, Faustino Rey Romero —poeta e cura de Catoira— exclamou: «É o lume dos viquingos que nos veñen a atacar; que veñen os viquingos!».

O ano seguinte repetiuse a experiencia e apareceu por primeira vez a figura de Ulf, o invasor viquingo que chegou no século xi cuberto de ramas e que pasou á historia como o Galego. O primeiro desembarco dos guerreiros nórdicos produciuse en 1968 a bordo dun barco de extracción de area disfrazado de drakkar, coa proa e popa elevadas, mascaróns, velas e 24 remos no que navegaban preto de 50 piratas.

 

Torres del oeste

 

A partir de 1965, a festa pasou a mans dos traballadores de Cedonosa, unha empresa pioneira na fabricación de baldosas de gres. Os seus 200 empregados encargáronse da organización da romaría anual e correron cos gastos. En cada edición servíanse centos de quilos de mexillóns e viño tinto do Ulla, unha tradición que perduraría no tempo.

A bordo dos drakkar, máis de 200 guerreiros baten as súas espadas contra os escudos e levántanas antes de saltar a terra en busca do seu botín

O concello encárgase da organización da festa desde 1991 xunto coa asociación cultural Ateneo Vikingo. Aquel primeiro drakkar, que nin sequera estaba preparado para navegar, deixou paso a unha frota que, en 2016, xa estaba composta por cinco barcos: os drakkar Torres do Oeste, o Frederikssund, o galeón Úrsula do Ateneo Viquingo, o Illa de Cortegada e o galeón Kornaira. A bordo, uns 200 guerreiros ataviados con saias, peles, cascos con cornos, espadas e escudos asaltan Catoira aos pés das torres. Milleiros de persoas de Galicia, do resto da península e mesmo doutros países de Europa acoden a presenciar o espectáculo.

O ataque

As embarcacións cos viquingos a bordo navegan cara aos illotes das Lobeiras, onde planifican o ataque. Desde alí parten cara ás torres do Oeste seguidos de numerosas embarcacións congregadas para presenciar o espectáculo. Os drakkar fan un primeiro percorrido antes de atracar; os guerreiros golpean as súas espadas contra os escudos e levántanas en sinal de ameaza.

Xa preto de terra, os piratas nórdicos saltan e corren en busca do seu botín: barrís de viño tinto colocados para a ocasión. O seu contido vértese en cascos e cornos, e comeza un espectáculo de grandes dimensións retratado en medios de comunicación galegos e internacionais. A festa está servida!

Catoira Romeria Vikinga
Romeria Vikinga Catoira
Combate Romeria vikinga Catoira
Desplegable