Danza de San Roque do Hío
Unha danza centenaria en honra de San Roque
O famoso cruceiro do Hío é testemuña dun baile declarado de interese turístico
Cada 16 de agosto, na parroquia do Hío, en Cangas, celébrase unha das tradicións máis lonxevas da comarca: a danza ancestral de san Roque. A festividade, que se mergulla séculos atrás na historia do Hío, mantívose co paso do tempo, mesmo en épocas de maior dificultade.
Dezaseis persoas encárganse de realizar o baile de damas e galáns, e aínda que o nome puidese levar a engano, a diferenza das danzas irmandadas, esta danza lévana a cabo só os homes. Dez galáns e cinco damas, ou sanrroquiños, representados polos máis novos da parroquia, vestidos coa colorida vestimenta de san Roque; os galáns visten de camisa e pantalón branco, chaqueta azul e sombreiro de feltro. Todos seguen as instrucións do guía, que organiza e xestiona o evento de principio a fin e debe ser o maior do grupo.
A danza comeza pola mañá, precedida por unha misa solemne ás 12 horas e a procesión de San Roque. Os danzantes realizan o paseo coas súas peculiares xenuflexións cada tres pasos e, á volta da procesión, prodúcese a contradanza, un cambio repentino do ritmo ata volver á igrexa, xa co santo sen camisa, todo ao son dun gaiteiro e un tamborileiro.
A danza, de 45 minutos, repetirase ao final da tarde, normalmente ás 19 horas, pero esta vez xa sen santo nin carácter litúrxico.
Para poder participar neste espectáculo, os bailaríns deben ser orixinarios do Hío e debe quedar un posto vacante no grupo. Todo acontece co maxestoso cruceiro local como testemuña, considerado o mellor cruceiro de Galicia, de 1872, tallado na súa maior parte sobre a mesma peza de granito polo escultor Cerviño.
Esta é unha festa cuxo orixe é froito de discusión entre historiadores: mentres uns consideran que forma parte dunha celebración de san Roque para agradecer o final da peste, outros sinalan que se trata dunha especie de imitación dos bailes da nobreza local. En calquera caso, é digna de atención, especialmente tras ser declara de interese turístico de Galicia en 2005, xunto á de Aldán, que se celebra o 20 de xaneiro, e á de Darbo, o 8 de setembro.