Danzas ancestrais de Darbo
Baile en honra de Santa María de Darbo
Xunto a Aldán e Santo André do Hío son as tres parroquias de Cangas que conservan esta tradición
En xaneiro celébrase a danza de san Sebastián en Aldán; en agosto, a de san Roque no Hío; en setembro é a quenda da danza e contradanza de Darbo. A diferenza das dúas primeiras, esta é unha danza encomendada á patroa da súa parroquia, santa María de Darbo.
A danza e contradanza de Darbo é un festexo que durante moito tempo non se realizou, ata que veciñas e veciños da parroquia, co obxectivo de recuperar vellos costumes, comezaron a buscar a maneira de recuperar este baile. A tarefa non foi sinxela debido a que había unha gran brecha xeracional. Afortunadamente, grazas á documentación histórica dos arquivos, a algunha fotografía e á localización dunha antiga danzante, conseguiron rescatar esta peza con varios séculos de historia.
Hoxe é unha tradición que se transmite de pais a fillos, un dos bailes máis antigos non só de Pontevedra, senón de Galicia. Celébrase despois dunha misa solemne e tras concluír a procesión. Dez galáns e cinco damas realizan fronte á igrexa a danza e contradanza, que, a diferenza do que ocorre no Hío, é tamén interpretada por mulleres. As e os participantes van acompañados por un guía ao compás dun gaiteiro e un tamborileiro.
A petición popular, a actuación repítese pola tarde para aquelas veciñas e veciños que non puideron asistir á primeira cita. Desta maneira, a partir das sete da tarde e despois dunha misa, repítese a danza e contradanza, que adoita durar igual que a anterior, sobre 45 minutos.
Vestimenta
En canto á vestimenta, os homes levan pluma no sombreiro e locen pendentes. Mentres uns consideran que é un símbolo de riqueza, outros sosteñen que provén de cando os homes tiveron que substituír as mulleres polo veto da Igrexa.
En canto ás mulleres, que visten con camisa, enaguas e saias con puntillas anchas, destacan a súa mantón e o sombreiro feito de flores naturais (a diferenza dos sombreiros da danza do Hío), que elas mesmas confeccionan unhas horas antes para manter o seu colorido vivo.
Festas
En canto ao resto do festexo, o pregón e o foguete teñen lugar o día 6 pola noite; na edición anterior foron acompañados dunha queimada popular. Ao día seguinte, foguetes, verbena e orquestras amenizan a festa. O día 8 é o máis especial, coas dúas sesións da danza e contradanza, pola mañá e pola tarde. O 9 celébranse unha última misa solemne e unha procesión, e esa mesma noite finalizan as festas coa verbena.
Para ver e percorrer
A comarca do Morrazo é unha das zonas máis fermosas das Rías Baixas, con praias extraordinarias como as da Costa da Vela, Melide, Nerga ou Liméns, onde se pode pasear ata Cabo Home ou ata o faro de Punta Robaleira. No lado oposto atópanse as praias de Menduíña ou Areabrava, entre outras. Pola súa banda, o miradoiro do monte do Facho e o castro que se atopa aí mesmo teñen unhas vistas envexables. Tamén se recomenda pasear e visitar o cabo Udra, un pouco máis apartado, pero que merece a pena.