Ir o contido principal
DESCUBRIR

Festa da Tortilla de Laro

A tortilla conquista Silleda

O prato clásico degústase nesta popular festa en múltiples variedades

Cada ano, o primeiro venres de agosto, a parroquia de Laro, en Silleda, recende a gastronomía tradicional. Desde 1989, neste punto do norte das Rías Baixas, grupos de amigos e familias reúnense para gozar dun dos pratos máis sinxelos e aclamados da cociña española: a tortilla; en concreto, a popular tortilla de Laro.

Esta celebración —declarada de interese turístico de Galicia en 2013, no seu 25 aniversario— reúne cada ano máis de dez mil comensais no antedito municipio pontevedrés. A receita é sinxela: patacas, ovos, un toque de sal e, se se quere, cebola. Ao redor da mesa, a diversión está asegurada. Así, o que nun principio comezou como unha reunión na que as e os protagonistas eran uns cuantos centos de persoas, hoxe é un evento de referencia no que as persoas se contan por milleiros.

 

Fiesta de la tortilla

Coñecidas pola súa excelente gastronomía, as comarcas do norte da provincia como Deza ou Tabeirós-Terra de Montes ofrécenlle á persoa visitante unha infinidade de posibilidades turísticas. Se o que se busca é afastarse do bulicio propio das zonas costeiras, son sen dúbida a opción ideal. Poderás descansar nalgunha das numerosas casas de turismo rural da zona e perderte en espazos naturais que te sorprenderán: a serra do Candán ou a praia fluvial de Vilatuxe son dous enclaves tan diferentes como memorables.

Outras festas gastronómicas de Trasdeza

Xunto á tortilla, outros pratos danlles forma a distintas festas gastronómicas en terras de Trasdeza —como se coñece tamén a Silleda—. É o caso da empanada, que se festexa na Bandeira desde 1974 cada terceiro sábado de agosto e que foi declarada tamén de interese turístico de Galicia. A rosquilla, o lacón, a castaña, a paella e a carne ao caldeiro son os protagonistas doutros eventos culinarios máis pequenos pero igual de aplaudidos neste municipio das Rías Baixas.

Monasterio de Carboneiro
Pozo do Boi
Desplegable