Ir o contido principal
DESCUBRIR

O museo do castelo de Soutomaior

O castelo de Soutomaior emprende unha nova etapa como referente patrimonial, cultural e turístico da provincia de Pontevedra tras dez séculos de dominio do territorio ao fondo da ría de Vigo. A impoñente fortaleza conta desde agora cun ambicioso espazo museístico que mostra de maneira entretida e didáctica, con uso de audiovisuais e doutros medios punteiros, información acerca da súa historia, dos personaxes ilustres que o habitaron, a súa importancia en Galicia e a integración na fermosa contorna paisaxística.

Sala Maria Vinyals

O proxecto expositivo céntrase en dez eixos: a presenza da fortaleza na contorna desde a súa orixe, o valor da localización para o control do territorio, a destrución por parte dos irmandiños, o papel dunha figura lendaria como Pedro Madruga, a fortaleza como centro de poder, a hipótese da orixe galega de Cristovo Colón, a liñaxe dos Sotomayor, a transformación do castelo nun palacio residencial, a apaixonante figura da escritora e defensora da muller María Vinyals e as reformas arquitectónicas realizadas ao longo da vida do castelo.

A exposición utiliza técnicas vangardistas, con sete audiovisuais, recreacións en 3D un videomapping e varias caixas máxicas

O percorrido, que se inicia unha vez superada a ponte levadiza e que ten unha duración estimada de 45 minutos, realizarase a través das técnicas máis vangardistas de musealización, con sete audiovisuais, recreacións en 3D, videomapping e caixas máxicas. Ademais, alternarase a visita con contidos de carácter didáctico para poñer a proba o enxeño, principalmente das e dos máis pequenos.

As caixas máxicas son un dos grandes atractivos deste itinerario pola fortaleza entretido e ameno. A través dun xogo de luces e espellos, achegan a e o espectador ás formas de vida dalgúns dos personaxes ligados á historia do castelo.

O videomapping, un dos recursos máis sorprendentes de toda a exposición, atópase na torre de Homenaxe e narra a historia de Pedro Álvarez de Sotomayor, coñecido como Pedro Madruga, o lendario nobre vinculado á fortaleza, sobre quen existe a teoría de que podería ser o verdadeiro Cristovo Colón. Nunha das salas achéganse claves sobre a posible vinculación do navegante coa liñaxe dos Sotomayor.

Audiovisuais, fotografías de alta resolución —actuais e históricas—, facsímiles de documentos históricos, fitos cronolóxicos, unha maqueta sobre a que se proxectan de maneira cenital diferentes elementos da paisaxe natural e cultural, e tres sobre distintos momentos históricos do castelo transportarannos nunha viaxe sensorial ao longo de diferentes épocas desde hai case mil anos.

Sala Pedro Madruga
Museo soutomaior
Sala Irmandiños
Desplegable