Ruta do Viño: un paseo entre viñedos
Os viñedos definen a paisaxe e as tradicións de As Rías Baixas ata converterse nun modo de vida ao que se lle abre a porta a través da Ruta do Viño. O obxectivo é brindarlles ás e aos viaxeiros unha experiencia enogastronómica completa á vez que se mergullan nesta cultura histórica.
As Rías Baixas é unha rexión privilexiada para o cultivo da vide. O seu clima suave, a súa orografía irregular exposta aos ventos atlánticos e os seus chans areosos dan como resultado uns viños de excelente calidade. Os viñedos de Pontevedra crecen ademais rodeados por un rico patrimonio e portentosas paisaxes que lles confiren aos caldos carácter e agradables matices en boca. Son viños inconfundibles polos seus aromas froiteiros, a súa frescura e o seu característico punto de acidez. A calidade do albariño, o seu buque insignia, converteuno nun dos grandes viños de todo o mundo.
Visitas a pazos centenarios, conxuntos históricos protexidos, viñas que se descolgan ata o mar e catas á tardiña causarán unha fonda impresión en aquelas persoas que se decidan a vivir desde dentro o proceso de elaboración do viño.

A aposta pola uva autóctona débese á tradición vitivinícola da provincia, que soubo adaptarse aos novos tempos ata consolidar As Rías Baixas como a zona con maior produción de Galicia. Hoxe, a mirada tamén está posta no exterior e tres de cada dez botellas voan xa ao estranxeiro, cos Estados Unidos como principal destino das exportacións.

O Albariño, o rei
A uva albariña é a raíña da denominación de orixe, a máis característica e coa que se corresponde o 95 % da produción. Como variedades preferentes en brancas, tamén están recoñecidas a uva loureira branca ou marqués, treixadura e caíño branco. En tintas, óptase por caíño tinto, espadeiro, loureira tinta e sousón.
A materia prima procede de cinco subzonas de cultivo que se estenden desde a fronteira portuguesa ata o límite con Compostela. Son O Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Soutomaior e Ulla. Trátase de terras baixas, na súa maioría próximas ao mar ou sitas nos tramos inferiores dos cursos fluviais. A responsabilidade de coidar con mimo os viñedos, que cobren ao redor de catro mil hectáreas de terreo, recae sobre máis de seis mil viticultoras e viticultores. Este «ouro da terra», en palabras de Ramón Cabanillas, embotéllase finalmente en 180 bodegas dispostas a recibir a aquelas persoas que buscan novas experiencias para o padal.

Para gozar plenamente dun bo albariño, o mellor é maridalo con algún dos excelentes produtos da gastronomía pontevedresa e deixarte envolver polas impresionantes paisaxes que caracterizan a provincia. Á hora de servilo, a temperatura ideal para apreciar todos os seus matices son 10 ºC. Os caldos da denominación de orixe Rías Baixas combinan á perfección con peixes, mariscos, arroces e queixos.
Visita as bodegas e os viñedos da Ruta do Viño, goza das catas e completa a túa experiencia nos aloxamentos, restaurantes e outros establecementos asociados tamén a este fantástico itinerario.
Intérnate na cultura vitivinícola de Rías Baixas!
Consulta aquí a listaxe de establecementos socios da Ruta do Viño.