Entroido nas Rías Baixas
Un mar de disfraces, desfiles e moita festa
Goza das animadas comparsas e dos orixinais «enterros» do Entroido
Xenerais, madamas e galáns, Meco, Ravachol, sardiñas, Momo… A provincia mergúllase no Entroido con centos de festas, desfiles de comparsas e «enterros». Cada Entroido é único. Pontevedra enterra o seu famoso e histórico loro Ravachol, Vigo axustiza o Meco, Cangas sacrifica o Momo; unha longa lista de concellos (Moaña, Baiona, Caldas, Ponteareas, O Grove…) despídese da Sardiña —nalgúns casos precedida do adeus á Xoubiña, para os nenos—; Salvaterra do Miño enterra, como non, a lamprea; Tomiño, a Taíña… A relación de cerimonias é case interminable, xa que os Entroidos esténdense tamén a decenas de parroquias que celebran a súa propia festa.
Comparsas, charangas e outras agrupacións desfilan polas rúas e polos recunchos das Rías Baixas coa súa música, cos seus bailes e co seu humor, apto para todos os públicos. E a gastronomía tamén se viste de gala durante esta tempada. O cocido e o lacón con grelos convértense nos protagonistas indiscutibles da mesa, seguidos doutros deliciosos doces típicos destas datas: as filloas e orellas. Estes son algúns dos festexos de Entroido imprescindibles nas Rías Baixas.
Entroido de Cobres (Vilaboa)
O tradicional Entroido de Cobres, segundo escritos da época, remóntase a principios do século xviii e está declarado como festa de interese turístico de Galicia. Madamas e galáns, con vistosas vestimentas, e outras persoas ataviadas de branco interpretan danzas ao son dunha charanga. A vestimenta das madamas, que representan mulleres de posición social elevada, está formada por un peto repleto de cadeas e outros adornos metálicos, unha blusa e unha saia branca, ambas as dúas adornadas con cintas de cores e diversas pasamanerías, zapatos negros e un gran sombreiro de composición floral e outros elementos.
Os galáns, que representan homes de alta escala social que buscan parella entre as madamas, locen camisa branca con adornos de cintas de cores, gravata vermella, pano de seda que os cobre desde cintura ata os xeonllos, pantalón branco, zapato negro e un sombreiro de composición floral, como no caso das madamas.
O martes de Entroido, festivo en Vilaboa, ten lugar a Corrida do Galo, outra actividade destacada do Entroido de Cobres, un evento no que se respira tradición.
[MÁIS INFORMACIÓN SOBRE COBRES ENTROIDO AQUÍ]
Os Xenerais da Ulla (Vila de Cruces, A Estrada e Silleda)
Semanas de elaboración e moito colorido distinguen o vestiario dos xenerais da Ulla. A cabalo, estes personaxes propios dunha das manifestacións carnavalescas máis tradicionais de Galicia, percorren os municipios, bañados polas augas do río Ulla, de Vila de Cruces, da Estrada e de Silleda. Este Entroido tradicional e creativo forma parte das festas de interese turístico de Galicia.
Xenerais e correos son os protagonistas da festa. A vestimenta destes personaxes parece inspirarse nos uniformes militares. Os xinetes percorren os pobos a cabalo mentres entoan vivas acompañados dun exército de comparsas e coros. Desde ben pequenos, os xenerais enceréllanse nestas loitas, nas que nada nin ninguén parece estar a salvo: crónicas políticas, amorosas, sociais ou da actualidade local arráncanlle máis dunha gargallada ao público.
[MÁIS INFORMACIÓN SOBRE O XENERAIS DA ULLA AQUÍ]
Desde o rei Urco ata o loro Ravachol (Pontevedra)
O Entroido na capital da provincia, Pontevedra, garda unha longa tradición. Durante unha semana, a súa variada proposta atrae gran cantidade de visitantes. A chegada do rei Urco ás rúas da cidade anuncia o comezo do Entroido. Desfiles que enchen de cor e música as rúas máis emblemáticas da Boa Vila, concursos de disfraces e de filloas, xornadas gastronómicas, parodias en diversos puntos da cidade, o desembarco pirata e o concurso de charangas son a antesala perfecta para a cita máis importante do Entroido de Pontevedra: o enterro do loro Ravachol.
Ravachol foi un loro que vivía na antiga botica da Peregrina, onde unha estatua homenaxea o personaxe na actualidade. O dono da farmacia, Perfecto Feijoo, home culto e amigo dos faladoiros onde participaban desde Unamuno ata Ortega y Gasset, enfadábase co loro pola súa linguaxe e descaro. A morte deste querido paxaro e o seu curioso enterro multitudinario represéntanse de forma orixinal e divertida desde 1985 como actos centrais do Entroido pontevedrés.
Nunha das localidades da veciña península do Morrazo, a clausura destas celebracións chega o domingo de Entroido co enterro doutra ave, neste caso sinistra, o chamado Paxaro de Mal Agoiro da localidade mariñeira de Bueu.
Enterro do Meco (Vigo)
A cidade olívica cobre de eloxios o deus do Entroido, o Meco, coa súa entronización e o seu axustizamento poucos días despois. Durante o reinado deste deus pagán, representado cun boneco que cada ano adopta a forma dun personaxe ou elemento da crónica de actualidade, as rúas e as prazas máis emblemáticas da cidade énchense de bo ambiente, de comparsas e de moita xolda.
Os maleducados merdeiros, outros dos personaxes destacados deste festexo, corren, gritan e saltan para intentar asustar as e os viandantes; armados cunha vara, tentan golpear xente coa que se atopan. Hai pouco máis dunha década recuperouse esta tradicional figura do Entroido de Vigo, xa que fora prohibida nos anos vinte.
Antigamente, vestirse de merdeiro era un costume habitual entre as e os mariñeiros da cidade. O obxectivo deste personaxe, nacido da rivalidade entre mariñeiros e labradores, era molestar a xente refregando as súas vítimas con restos de peixe podrecido.
Finalmente, o desafortunado Meco quéimase e chóraselle o martes de Entroido pola noite na Porta do Sol. Preto de Vigo, o municipio de Redondela tamén venera a figura do Meco, que corre a mesma sorte que o da cidade olívica. Similar a este último, O Liborio da Illa de Arousa é un boneco que adopta unha forma distinta cada edición do Entroido en representación dalgún personaxe de actualidade que acaba queimado á calor da fogueira. O Chapante é outro dos personaxes que protagonizan os enterros de Entroido das Rías Baixas, neste caso, o de Cuntis.
Enterro da Sardiña
A tradición mariñeira das Rías Baixas propiciou que se despida o Entroido en moitos lugares da provincia de Pontevedra co Enterro da Sardiña e outras variacións. Así, nalgunhas localidades inclúese o Enterro da Xoubiña para as e os máis pequenos da familia.
Moaña, Baiona, Caldas de Reis, Marín, Cambados, O Grove e Ponteareas son algúns dos municipios que acompañarán a popular sardiña no seu camiño cara á fogueira.
O Enterro da Sardiña sofre variacións noutros recunchos da provincia, que bautizaron con nome propio o personaxe que termina consumido polas chamas. Momo en Cangas e Vilanova de Arousa, O Berete en Chapela (Redondela) e o Kiko en Nigrán son algúns deles. En Cangas levan a cabo durante o Entroido actuacións de damas e galáns que en setembro realizan as danzas ancestrais de Darbo, declaradas festa de interese turístico.
Ligados ao río Miño, outros lugares deste destino cambian a sardiña por outros exemplares de auga doce, como é o caso de Goián (Tomiño), coa Taíña; ou Salvaterra de Miño, co Enterro da Lamprea.
O Grove, Interese Troulístico Internacional
O Entroido do Grove autodenominouse como «festa de interese troulístico internacional». Este acontecemento lúdico do pobo marisqueiro comeza cunha mostra da mellor gastronomía local nas ceas de comadres e compadres, antesala para quentar motores antes do Domingo Fareleiro.
O Domingo Fareleiro é unha loita entre titáns na que as e os fareleiros encárganse de lanzarlles fariña ás e os enfariñados, perseguidos polos primeiros para acabar cubertos dun manto branco. Finalmente, as e os participantes dos dous bandos acaban rebozados en fariña.
Con todo, o grande acontecemento do Entroido meco é o festival de comparsas, agrupacións que coa súa música, danzas e posta en escena satirizan os acontecementos do último ano. O desfile do martes de Entroido discorre polas principais rúas desta localidade. O Entroido finaliza co Enterro de Dona Sardiña no peirao do Corgo.
Realidade ou ficción? Un loro con nome propio, uns xinetes que non deixan polo con cabeza ao máis puro estilo das cantigas de escarnio, o Meco que cada ano adopta unha personalidade diferente, madamas e galáns e o Enterro da Sardiña convértense no centro de todas as miradas durante os Entroidos na provincia de Pontevedra.
O deslinguado loro Ravachol de Pontevedra gañouse a simpatía das e dos veciños, que acudiron en masa ao seu enterro. O funeral multitudinario coincidiu cos Entroidos e, desde os anos oitenta, revívese esta tradición cada ano.
Coma se fosen dos xinetes da apocalipse, cada ano chegan os xenerais da Ulla ás rúas dalgunhas das localidades bañadas polo río Ulla. Estes personaxes transmiten a crónica local de actualidade de distintas temáticas como a política, a sociedade ou o amor, e provocan gargalladas entre as e os asistentes.
Da risa ao baile ao máis puro estilo tradicional, galáns e madamas executan as danzas ancestrais e convértense nos protagonistas do Entroido de Cobres.
Como colofón a esta época festiva e de diversión, os enterros chegan a diversas localidades coa queima de figuras como o Meco ou a sardiña. O primeiro aparece caracterizado como un personaxe ligado á actualidade, e a sardiña é o peixe que se enterra tradicionalmente debido á cultura deste destino tan arraigada ao mar.