Cepas que producen ouro
A denominación de orixe Rías Baixas ofrece espléndidos viños brancos e tintos
A denominación de orixe (D. O.) Rías Baixas recibe o nome da zona onde se atopa emprazada: o sur das rías galegas, coincidindo en extensión coa provincia de Pontevedra. Este lugar caracterízase por un clima atlántico e suave, benévolo para a produción destes viños que harmonizan á perfección co peixe, co sabor do marisco e coas últimas creacións da cociña do mar. Os viños da D. O. Rías Baixas son ideais para gozalos nun aperitivo ou como parte da máis refinada gastronomía.
Existen cinco subzonas dentro desta D. O., con diferentes características (O Val do Salnés, Condado de Tea, Soutomaior, O Rosal e Ribeira do Ulla) e onde se elaboran os viños exclusivamente con uvas das seguintes variedades:
Variedades preferentes brancas: albariña, loureira branca ou marqués, treixadura e caíño branco
Variedades preferentes tintas: caíño tinto, espadeiro, loureira tinta e sousón
Variedades autorizadas brancas: torrontés e godello
Variedades autorizadas tintas: mencía, brancellao, pedral e castañal

Os viños brancos da D. O. Rías Baixas son viños secos de aromas punzantes, florais e intensamente afroitados, cun retrogusto moi fino e prolongado. Os viños do tipo O Rosal e Condado de Tea distínguense por levar na súa composición as variedades de loureira e treixadura, respectivamente. Posúen intensos aromas e unha lixeira acidez, pero son agradables e atractivos.
O enoturismo das Rías Baixas está recoñecido a nivel internacional, xa que é un territorio de sabor no que os viñedos lles incorporan un cromatismo único ás belas paisaxes que posúe.

Máis información no Consello Regulador do Denominación de Orixe Rías Baixas: www.doriasbaixas.com
Explora o mundo do viño nas Rías Baixas
A riqueza e diversidade dos nosos viñedos son todo un pracer para as e os amantes dos viños. E ti, sabes cales son os subgrupos da D. O. Rías Baixas? Antón Fonseca, vicepresidente do Grupo Terras Gauda, enuméraos xunto coas características que fan tan especial o viño do Rosal.