Peixes para todos os padais
A flota extrae o mellor produto con artes tradicionais
O peixe de Rías Baixas goza tamén de gran prestixio e forma parte dos menús e cartas de todos os restaurantes. A variedade de produtos que capturan as frotas das localidades mariñeiras é enorme. Linguado, rodaballo, robaliza ou robalo, pescada, mero, rape, sardiña, salmonete, sargo, sepia, solla, raia, prago, xarda ou corvina son algunhas das especies que poden atoparse nos mercados da provincia e nos establecementos de calquera municipio.
Os barcos de baixura —que pescan nas rías e, en xeral, preto da costa— empregan diferentes artes en función da especie. Enmalle, cerco ou arrastre son algunhas delas. Desde primeiras horas da madrugada, as e os mariñeiros saen ao mar para capturar o peixe e vendelo na lonxa en poucas horas.
Os cefalópodos, moi saborosos e característicos da cociña deste destino, tamén abundan nas rías. O polbo é especialmente apreciado, cociñado tradicionalmente á feira pero cun receitario cada vez máis amplo. Choco, lura ou sepia figuran tamén nesta lista de especies de gran calidade e moi arraigadas na gastronomía das Rías Baixas.
A provincia conta, ademais, con tres grandes portos de interese xeral (Vigo, Marín e Vilagarcía de Arousa), así como con outros tamén importantes nos que se desembarca o produto de pesca de altura, o que incrementa a amplísima oferta. O de Vigo está considerado o maior porto de pesca fresca do mundo. A actividade nas súas lonxas desde a madrugada é frenética.
Actividade frenética na lonxa.
Vigo é o primeiro porto de España en descarga de peixe e polas súas lonxas pasa diariamente un terzo do produto fresco de todo o país. Hai xornadas nas que se superan os 230 000 quilogramos de peixe descargado, un dato excepcional que explica o bulicio nas súas cinco lonxas durante toda a madrugada. Consúltalle á autoridade portuaria a posibilidade de realizar visitas para asistir a unha apaixonante poxa en directo.