Os reis da mesa
As Rías Baixas producen unha gran variedade de mariscos de calidade
A variedade de mariscos nas Rías Baixas é moi ampla e a súa calidade, excelente. O mexillón das Rías Baixas conta con denominación de orixe, que ampara os moluscos bivalvos cultivados segundo a forma tradicional e natural nas rías galegas. Ata tres mil bateas (plataformas de cultivo) esténdense polas rías, dous terzos delas na de Arousa, principal núcleo de produción.
A ameixa e a ostra son outros grandes clásicos no apartado de bivalvos. A primeira pode atoparse en distintas variedades (fina, bicuda, rubia, xaponesa e babosa) en numerosos puntos das Rías Baixas, aínda que son especialmente famosas as do Carril (Vilagarcía). As ostras cultívanse especialmente no fondo da ría de Vigo e o seu paraíso é Arcade (Soutomaior). Zamburiñas, vieiras, navallas, volandeiras e berberechos son tamén moluscos moi apreciados que poden atoparse nos restaurantes da provincia.

Percebes, camaróns, lagostinos, centolas, lagostas, lumbrigantes, cangrexos, bois e nécoras forman parte da selecta lista de mariscos das Rías Baixas. As mariscadoras e mariscadores extraen moluscos e crustáceos de diversas formas: a pé nas beiras cando baixa a marea e nas rocas; á boia, desde embarcacións; mergullando e mediante a cría en bateas, no caso do mexillón.
Mexillóns das nosas rías, do mar ao prato
Sabías que as bateas son un sistema de cultivo mariño importado de Xapón? Visitamos unha de mexillóns da man de Pablo Mariño, director de Bluscus Turismo Mariñeiro, na Ría de Vigo, unha contorna única no que se cultivan estes saborosos bivalvos. Se visitas #RíasBaixas non deixes de facer unha das visitas que propón, aprenderás moito sobre o mar e ademais poderás probar estes excelentes produtos.
Todos eles, do mesmo xeito que os anteriores, son produtos de gran calidade aos que se lles rende tributo en decenas de festas, moitas delas de interese turístico. A Festa do Marisco do Grove, de proxección nacional, é o expoñente máis afamado, ao que se lle suman outros tamén distinguidos como as festas da lagosta da Guarda, da vieira de Cambados, do mexillón e do berberecho de Vilanova de Arousa ou da ameixa do Carril. Xunto a estas celébrase un carrusel de festas ao longo da costa con outros produtos do mar.
O ourizo de mar está tamén moi presente nas Rías Baixas. O seu intenso sabor a mar convérteo nun exquisito bocado que se degusta na provincia e envíase tamén a moitos outros mercados.