Festa do Santísimo Cristo dos Aflixidos
Choiva de cor en Bouzas
A vila mariñeira ofrece un espectáculo pirotécnico único en Galicia
Presenciar os famosos fogos de Bouzas é un dos grandes clásicos das festas de verán en Vigo. A noite do terceiro domingo de xullo, decenas de milleiros de persoas alzan a vista cara ao ceo da vila, corazón mariñeiro por excelencia da cidade, para asistir a un dos espectáculos pirotécnicos máis importantes de Galicia. A choiva de cores constitúe un dos momentos álxidos da Festa do Santísimo Cristo dos Aflixidos, declarada de interese turístico de Galicia en 2004.
Durante cinco días, Bouzas mergúllase nas súas festas cun variado programa que inclúe procesións relixiosas, o impresionante espectáculo pirotécnico, actuacións musicais, unha homenaxe ás persoas maiores, desfile de cabezudos, actividades e concursos para todas as idades, e competicións de faluchos (as tradicionais embarcacións que no pasado asistían os barcos fondeados na vila).
A procesión, coa imaxe portada por membros da Confraría do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas, sae o domingo cando cae o sol da igrexa de San Miguel, unha das máis fermosas da cidade pola súa arquitectura, pola súa localización á beira do mar e polo cruceiro, que se cre que marca a orixe da vila. Os primeiros testemuños da celebración, entón organizada polo gremio de mar a través das confrarías, datan de 1861. Milleiros de persoas acoden á marcha da imaxe relixiosa, á que lle sucede a gran tirada de fogos.
O espectáculo pirotécnico —coa imaxe do Cristo presente no patio da igrexa— combina, durante media hora, diferentes estilos musicais e poesía mentres o ceo tínguese de cores. A tirada de fogos pódese ver desde calquera punto da ría e tamén a bordo de embarcacións.
As e os estudosos sitúan a orixe da festa e dos fogos de Bouzas fai 400 anos, nunha traxedia marítima na que naufragou un barco preto da vila. As veciñas e os veciños sacaron a imaxe do santo Cristo en procesión e levárona polas rúas estreitas coas luminarias da época para darlles sinais ás e aos mariñeiros desamparados e guialos a terra.
O espectáculo pirotécnico, visible desde calquera punto da ría, inclúe poesía e música de diferentes estilos
A procesión e a tirada constitúen o punto álxido de cinco días de festa, que comeza o venres previo coa lectura do pregón. A sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo acolle esa mesma xornada a cerimonia do nomeamento das donas e dos cabaleiros de Bouzas, que premia aquelas persoas que destacaron na defensa do patrimonio e das tradicións da vila.
Campionato Mundial de Faluchos
Un dos actos máis entrañables das festas é a homenaxe ás persoas maiores, que ten lugar desde fai 50 anos. Entre as atraccións, ademais dos pasacalles que enchen de música a vila, destaca o Campionato Mundial de Faluchos. Na década dos cincuenta do século pasado xa se realizaban competicións destas embarcacións, pero a tradición perdeuse e non se recuperou ata 1991.
O domingo é o día grande coa misa solemne, a procesión, a tirada e unha infinidade de actividades; pero a festa segue. O luns celébranse as procesións da Virxe do Carme e San Telmo, os patróns do mar. Decenas de embarcacións acompañan a virxe en procesión marítima; a imaxe de san Telmo espéraa na praia para que as e os devotos continúen a marcha por terra.
Os actos péchanse un día despois coa procesión da Pesca Milagrosa, na que se porta unha imaxe de san Pedro Pescador que data de 1942.