Feira do Xamón
A excelente curación do xamón da Cañiza
Unha festa que enxalza os produtos obtidos do porco
O Atlántico, o Miño e as illas Cíes. A boa comida e o bo albariño. Toda persoa que chega a Galicia sabe que esta comunidade costeira é famosa polos seus pratos mariñeiros e, en especial, polo marisco.
En Galicia gusta a variedade, e no interior pódese gozar de boa comida. Unha proba disto é a metade de século que xa cumpriu a famosa Feira do Xamón da Cañiza. O segredo reside no bo facer, e está claro que unha cultura ligada a iso e o clima tamén axudan.
Por unha banda, a boa crianza do porco, e por outra, a antiga tradición da matanza do animal, que se realizaba en cada aldea ata hai ben pouco, especialmente nas do interior. Un traballo que se completaba grazas ao microclima, que provía o xamón dunha envexable curación e garantía a súa conservación nas propias casas das e dos veciños.
Este proceso terminaba coa súa disposición no prato e, para iso, un bo corte era e segue sendo esencial. Toda unha arte que reúne a boas e bos cortadores na feira.
Aínda que é un prato moi coñecido en España, cómpre mencionar que se trata da única festa galega dedicada a este manxar, e nunca mellor dito, pois antigamente as persoas que criaban o porco vendíano para beneficio da familia e así poder subsistir o resto da tempada.
Declarada festa de interese turístico de Galicia, é unha boa escusa para achegarse á Cañiza e probar cada un dos pratos que se ofrecen durante a feira, como o xamón curado ou asado, en cocido, en tortilla e en empanada. E toda persoa o que o desexe pode acompañar a comida cun viño local do Condado do Tea, denominación de orixe Rías Baixas.
Para ver e percorrer
Despois de comer, unha boa idea é pasear polo Camiño da Raíña e por algún dos pazos que se atopan na zona, como o pazo da Fraga, os pazos de Cuco-Ruxo, Ribeira e Salgado ou o de Barreiro.
Outra opción é achegarse ao santuario da Franqueira, a apenas 30 minutos en coche, e descubrir a antiga arte de refrixeración dos neveiros.