Descenso Internacional do Miño
En piragua polo maior río de Galicia
Centos de padeeiras e padeeiros participan en Tui no Descenso Internacional do Miño
Unha marea de padeeiras e padeeiros dálle cor ao maior río de Galicia no mes de agosto. A cidade fronteiriza de Tui acolle o Descenso Internacional do Miño, un acontecemento deportivo multitudinario e colorista no que participan centos de remeiras e remeiros profesionais e afeccionados e que está recoñecido como festa de interese turístico de Galicia.
A competición para profesionais ten un percorrido de 17 quilómetros entre Salvaterra de Miño e Tui. A esta súmase o Descenso Popular do Miño, dirixido a piragüistas afeccionadas e afeccionados e cun traxecto de 7 quilómetros. Nesta festa, o deporte e o gozo da fascinante paisaxe das beiras do Miño combínanse, ademais, cunha romaría popular na ribeira de Caldelas e cunha festa gastronómica que ten lugar no centro urbano.
As orixes da festa remóntanse ao século xix, cando se organizaban regatas de chalanas e botes no río Miño. Esta tradición perdurou no tempo e terminou introducindo as piraguas na competición. Desde 1979 organiza esta proba o club Kayak Tudense.