Ir o contido principal
DESCUBRIR

Festas de San Martiño en Moaña

Unha cunca de viño nos «furanchos» de Moaña 

Mergúllate no ambiente destas tascas nesta gran festa

O barrio histórico de Moaña, ao contrario do que ocorre na maioría das vilas e cidades, está fóra do centro urbano. O centro sitúase a beiras do mar, coma en todos os pobos pesqueiros das rías galegas que creceron ao redor da intensa actividade dos portos, pero a orixe deste municipio dinámico da comarca do Morrazo áchase na parte alta, concretamente na parroquia de San Martiño.

Alí atopamos unha fermosa igrexa románica do século xii e un barrio, o do Cruceiro, no que se mesturan casas centenarias con outras edificadas nas últimas décadas. Ese é o escenario da gran festa na que os furanchos son o punto de encontro de milleiros de persoas.

Procesión de San Martiño

Os baixos das antigas casas do barrio convértense por uns días en tabernas nas que compartir unha cunca de branco ou tinto e degustar castañas, empanada ou tortilla coas amigas e amigos

Cada 11 de novembro, as e os moañeses soben á Festa de San Martiño, onde acoden tamén centos de persoas chegadas doutros puntos do Morrazo e do resto de Galicia. Os baixos das antigas vivendas convértense en furanchos, cheos ata a bandeira e cun ambiente bulicioso, nos que grupos de amigas e amigos comparten cuncas de viño caseiro acompañadas de produtos típicos galegos.

Gaitas, pandeiretas, bombos e pandeiros soan nas tascas, onde as e os músicos improvisan muiñeiras —o baile tradicional galego— e outras pezas musicais.

A Festa de San Martiño arrinca o 9 de novembro e esténdese, case sen descanso, desde a mañá ata altas horas da madrugada durante as catro xornadas seguintes. Xunto aos furanchos móntanse na contorna da igrexa grandes carpas con mostradores para servir tamén viño, empanada, tortilla e distintos pratos con carne de porco. En conxunto, o público pode visitar ata vinte tabernas entre vivendas e instalacións ao aire libre. O barrio do Cruceiro convértese nun recinto festivo enorme e multitudinario.

A procesión do día 11, festividade de San Martiño, representa o punto álxido da festa. A imaxe do santo é portada desde o templo xunto coa figura da Virxe do Carme, a única de España elaborada cun tronco de carballo dunha soa peza. Centos de persoas abarrotan os laterais da rúa ata o cruceiro que lle dá nome ao barrio e, desde alí, a comitiva volve á igrexa parroquial.

Grupos de música tradicional, bandas e charangas animan o ambiente, e a programación inclúe xogos e outras actividades lúdicas. A verbena nocturna, coa actuación de grandes orquestras de Galicia, atrae tamén milleiros de persoas a esta festa na que se lles rende devoción a san Martiño e ao viño elaborado en casa.

E para completar o día…

Moaña ofrece numerosos lugares de interese para completar a xornada durante as festas de san Martiño, ademais dunha ampla oferta de locais de hostalería de calidade.

Para unha primeira impresión de toda a contorna, un dos mellores lugares é o miradoiro da Fraga. Desde alí, gozaredes dunha marabillosa panorámica do municipio e da ría, salpicada de bateas, coa cidade de Vigo enfronte. No centro urbano, aconsellámosvos dar un paseo tranquilo pola zona marítima (a Alameda de Moaña) e gozar de esculturas monumentais como a do Fisgón. Ademais, se ides con nenos, este espazo dispón dun parque infantil moi ben equipado. Desde alí, podedes camiñar sempre á beira do mar ata a praia do Con, de bandeira azul.

O areal de maiores dimensións de Moaña é A Xunqueira, cun sistema dunar recuperado, un paseo de madeira e unha ampla zona axardinada con árbores de gran porte. Se seguides camiñando desde alí en dirección oposta ao centro urbano, chegaredes a Samertolameu, tamén cun estupendo parque no que pasar un momento de lecer.

 

Mirador Moaña

Non o podes perder...

  • Mirador da Fraga
  • Alameda de Moaña
  • Estatua de O Fisgón
  • Parque de San Bartolomeu
Desplegable