Descobre Vigo desde Porta do Sol
Un percorrido polas rúas do centro histórico da maior cidade de Galicia coroado coas fabulosas vistas á ría desde o monte do Castro
A Porta do Sol, presidida pola orixinal escultura do Sereo e situada no quilómetro cero de Vigo, serve como compás para percorrer o centro da cidade desde o barrio histórico ata a cima do monte do Castro, cunhas espléndidas vistas sobre a ría. Neste gratificante paseo é imprescindible vagar polo casco vello, baixando desde a praza da Princesa ata O Berbés, á beira do mar, orixe da antiga vila mariñeira agora convertida nunha potencia pesqueira e naval.
Pódese gozar do paseo pola rúa dos Cesteiros, a rúa Real ou a rúa Pescadaría ou das ostras, na que vale a pena deterse a degustar o saboroso molusco que lle dá nome. A concatedral de Santa María, coñecida como a colexiata, alberga a imaxe do Cristo da Vitoria, o principal símbolo relixioso da cidade.
Arte galega
Para as persoas afeccionadas á arte é obrigatorio visitar a pinacoteca Francisco Fernández del Riego (na rúa Abeleira Menéndez), que exhibe unha ampla e valiosa mostra de obras de arte contemporánea galega de artistas como Laxeiro, Colmeiro, Quessada ou Castelao, entre outros. As e os amantes da natureza deben achegarse ao centro de visitantes do parque nacional das Illas Atlánticas de Galicia (na rúa da Palma).
Un espléndido miradoiro
Vigo pon a proba as pernas de aquelas persoas que percorren as súas empinadas costas, pero o esforzo ten a súa recompensa. O monte do Castro, en pleno centro da cidade, ofrece unhas incribles panorámicas. Na cima eríxese o antigo castelo, con vistosos xardíns e un espectacular miradoiro. A ría de Vigo queda aos pés, coas Cíes como pano de fondo.
A Porta do Sol é tamén a porta de entrada á rúa do Príncipe, a milla de ouro comercial da cidade e na que se pode visitar o Museo de Arte Contemporánea (MARCO).
Desde esta praza céntrica tamén se parte cara á rúa Policarpo Sanz e á avenida de García Barbón, no Ensanche, a zona de expansión urbana desde finais do século xix, onde se poden contemplar valiosos exemplos arquitectónicos como o edificio El Moderno, o teatro García Barbón, a Casa das Artes, a Casa Bárcena ou a Casa Odriozola.
Con máis tempo merece a pena achegarse ao parque de Castrelos, outra das visitas imprescindibles en Vigo. Alí, ademais de pasear polos seus xardíns, podemos visitar o pazo Quiñones de León, doado polo marqués de Valladares en 1924, e que alberga o museo da cidade.
Baixando cara ao mar desde Policarpo Sanz por Colón, é agradable tomarse un respiro paseando pola zona do Náutico e A Laxe.
En Vigo tamén se pode gozar das manifestacións artísticas a pé de rúa. A Ruta da Arte Urbana conta xa cun centenar de grandes lenzos en medianeiras e espazos públicos de diferentes zonas da cidade.
Non o podes perder...
- Mercado Pedra
- Monte do Castro
- Náutica de Vigo
- Parque Castrelos