Ir o contido principal
INSPÍRATE

Fontao: a mina das grandes guerras

Visita o poboado mineiro de Vila de Cruces que forneceu Europa de estaño e volframio para fabricar material bélico

As minas de Fontao explotáronse durante 90 anos. A finais do século xix, o enxeñeiro británico Henry Winter Burbury fíxose coa propiedade e impulsou a actividade mineira; así se iniciou unha etapa de prosperidade en Vila de Cruces. Esta localidade desempeñou un papel determinante na economía nacional e no devir das grandes guerras en Europa. Os seus veciños obtiñan estaño e volframio co que se construía material bélico.

Foron a caída do prezo dos minerais e o traslado das contendas cara a Asia e África os que deixaron as galerías paulatinamente sen actividade arredor de 1963. Unha década despois, clausurouse a última brecha ao descuberto e a frenética actividade de antano dáballe paso a un escenario deserto que hoxe trata de manter vivo o legado cultural e histórico da comarca por medio dun Museo da Minería.

A historia de Fontao é apaixonante. A etapa inicial, na que se realizaba o traballo de forma rudimentaria, foi seguida pola incorporación dos coñecementos mineiros importados polos propietarios ingleses e franceses da mina. Así se forxou unha industria destacada capaz de aproveitar a cotización dos metais en Europa durante esa época.

Recuperar a historia

O Museo da Minería de Fontao ten como obxectivo difundir o legado cultural relacionado directa ou indirectamente coa mina de Fontao mediante a recuperación de documentos, planos, publicacións, fotografías e testemuños de todo o material relacionado con esta temática e velar pola conservación, recuperación e posta en valor do patrimonio industrial e mineiro de Fontao. Pódese visitar a colección aberta ao público nas instalacións de servizos comúns como o antigo cinema, a capela e as escolas, así como os espazos exteriores.

museo de la mineria de Fontao

Arredor da mina de Vila de Cruces déronse cita importantes persoas empresarias, enxeñeiras, aventureiras, espías fuxitivas e presas republicanas. A Fontao chegaban presos políticos obrigados a realizar traballos durante a ditadura. Tal era o nivel de actividade que en 1956 os donos construíron todo un poboado mineiro ao redor das galerías. Incluía vivendas, un campo de fútbol, unha escola, un cinema e unha igrexa. Apenas cinco anos despois iniciábase o cesamento dos traballos e, en 1974, pecharía definitivamente.

Forxou unha industria destacada capaz de aproveitar a cotización dos metais en Europa durante esa época

Durante case o século que durou a actividade extractiva na zona modificouse a paisaxe e creouse un importante patrimonio industrial e mineiro do que se conservan elementos representativos que hoxe axudan a entender como foron os anos de esplendor da mina e a organización de persoas traballadoras e da veciñanza.

Aproveita a visita para coñecer o mosteiro de Camanzo, o Hotel Balneario Baños da Brea ou a casa-museo Fundación A Solaina de Piloño e degustar o famosísimo galo de curral de Vila de Cruces.

Fontaocasa

Non o podes perder...

  • Museo exterior
  • Capela antiga
  • Mosteiro Camanzo
  • Casa Museo Solaina
Desplegable