Parque natural do monte Aloia
Un tesouro xunto a Miño
O parque natural ofrece espectacular flora, miradoiros, rutas e patrimonio
A serra do Galiñeiro, ao sur da provincia de Pontevedra, ampara o parque natural do monte Aloia, un espazo situado nunha extraordinaria atalaia de máis de 600 metros de altura na contorna de Tui, cunha panorámica espectacular sobre o río Miño. Esta zona de gran beleza paisaxística converteuse en 1978 no primeiro parque natural de Galicia.
Especies autóctonas mestúranse con outras exóticas no monte Aloia. Sobreiras, cipreses, acivros, abetos e cedros do Líbano, entre outras especies, convértense nos auténticos protagonistas do lugar e acompañan no camiño a aquelas persoas que o visita. Patrimonio e natureza abrázanse neste fermoso enclave que posúe un recinto amurallado da época galaico-romana e unha pequena ermida dedicada a san Xián, onde se atopa unha espléndida carballeira.

Diversas rutas de sendeirismo convidan a descubrir este grande espazo natural, que alberga cinco miradoiros integrados á perfección coa paisaxe. Todos eles ofrecen unha marabillosa vista sobre o maior río de Galicia. O monte Aloia, pola súa posición estratéxica, precisamente, serviu de refuxio e defensa das diversas invasións que sufriron estas terras ao longo da historia, especialmente durante a Idade Media.
A casa forestal do parque foi reconvertida en centro de interpretación. Unha visita ao recinto é perfecta para descubrir a orixe deste fermoso lugar.