Rede Natura
Gardiáns da biodiversidade
A provincia de Pontevedra conserva enclaves de importante valor ecolóxico nos que sobreviven especies singulares
Na provincia de Pontevedra atoparás enclaves de importantísimo valor ecolóxico que forman parte da Rede Natura 2000, un proxecto europeo destinado a garantir a supervivencia das especies e hábitats e que coincide plenamente co modelo de turismo polo que aposta a Deputación de Pontevedra, centrado no respecto polo territorio e na conservación da biodiversidade dos ecosistemas.
A máxima figura de protección outorgóuselle á Costa da Vela, unha zona de especial conservación (ZEC), seguindo a nomenclatura comunitaria, que a Administración autonómica recoñece con certas variacións como zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN). É unha forma de destacar e fomentar a protección deste impresionante tramo costeiro que conforma o extremo máis occidental da península do Morrazo.

A espectacular posta de sol desde Cabo Home, coas illas Cíes enfronte, ou a formidable vista desde o monte do Facho sobre os cantís de Donón ben merecen unha visita a este enclave natural privilexiado sito ao final das rías de Vigo e de Pontevedra e no que sobreviven un total de 18 especies protexidas, a maioría deles mamíferos e aves.
Pontevedra conta, ademais, con tres zonas de especial protección de aves (ZEPA): o parque nacional das Illas Atlánticas, cunha importante colonia de gaivotas patiamarelas; o estuario do Miño, fronteira natural entre Galicia e o norte de Portugal; e o Complexo Intermareal Umia-O Grove. Este último é unha paraxe de extraordinaria beleza e gran riqueza biolóxica que se estende por todo o estuario do río Umia, desde a península do Grove ata Cambados.


Así mesmo, As Rías Baixas conta con outros espazos distinguidos dentro da Rede Natura 2000, unha figura que busca novas oportunidades para o desenvolvemento de actividades produtivas tradicionais, actividades recreativas e turismo, sempre garantindo a conservación dos recursos locais. Repasamos a lista:
A Ramallosa. O espazo protexido abrangue o estuario do río Miñor, pechado case completamente pola praia da Ladeira. Son 92 hectáreas de marisma e dunas nas que residen 17 especies específicas designadas por unha directiva europea. O observatorio de Sabarís conta con amplas xanelas e material telescópico para divisar a fauna variada da marisma.
Cabo Udra. Trátase dun singular espazo natural na península do Morrazo cunha gran riqueza botánica e de fauna. Acolle 26 especies protexidas, 21 de aves e tres de mamíferos.


A enseada de San Simón. Localízase entre Vilaboa, Redondela e Soutomaior. Correspóndenlle ao redor de 2 200 hectáreas das que o 95 % son zona mariña que serve de fogar a 26 especies protexidas, 21 delas aves e tres mamíferos. Posúe unha representación importante de hábitat intermareal sobre lodo-areoso. A poboación de anátidos alcanza os 3 500 exemplares e acolle aves limícolas en época migratoria.
Illas Estelas. A área protexida abrangue 700 hectáreas que comprenden no seu 99 % unha zona mariña elixida para vivir por seis especies de aves. A importancia deste punto radica no seu pequeno arquipélago preto da costa, con fondos mariños ben conservados.
Viaxe ao interior da provincia
Brañas de Xestoso. Este singular enclave nas comarcas de Deza e Tabeirós confórmano unha serie de lagoas e zonas húmidas situadas entre os municipios da Estrada, Forcarei e Silleda. Ocupan un terreo de mil hectáreas composto principalmente por matogueira e trufa onde residen ata 16 especies sensibles.
Gándaras de Budiño. Trátase de preto de mil hectáreas no municipio do Porriño sobre importantes formacións de bosque de ribeira na conca do río Louro. Destaca a súa variada vexetación e alberga 39 especies protexidas, 27 delas aves e cinco mamíferos.
Monte Aloia. Goza da denominación de parque natural, é o único en Pontevedra e o sexto na comunidade galega. Nas súas máis de 700 hectáreas residen 21 especies protexidas das cales, unha vez máis, a maioría son aves, cun total de dez.
Monte Faro. Enclave que se atopa de maneira limítrofe e compartindo terreo entre Lugo e Pontevedra. Desde os seus montes pódense apreciar, ademais, as provincias de Lugo e Ourense. Nas súas tres mil hectáreas residen 20 especies protexidas das que máis da metade son aves. A importancia desta área natural atópase nas súas características de media montaña.


Serra do Candán. Ocupa máis de dez mil hectáreas nas que conviven 36 especies fundamentais. Entre elas atópanse 18 aves e seis mamíferos, incluído un núcleo reprodutor de lobos.
Serra do Cando. Supera as cinco mil hectáreas de bosque atlántico e de ribeira combinado con matogueira, e dálles acubillo a ata 26 especies protexidas. Entre as máis numerosas hai 12 especies de aves, cinco de mamíferos e outras cinco de invertebrados.
Sobreiral do Arnego. Son máis de mil hectáreas nas que se estenden zonas de bosque atlántico con influencia mediterránea. Linda con varios municipios do norte interior de Pontevedra e garda no seu espazo 30 especies sensibles. As máis numerosas volven ser as aves, con 13 de especial atención, seguidas por sete de invertebrados e cinco de mamíferos.
Serra do Careón (tramo de Pontevedra). Trátase dunha serra de moderada altitude que ocupa parcialmente o Concello de Agolada.

Zonas fluviais
O resto de espazos corresponden a zonas que limitan as concas de diferentes ríos. Son os do río Lérez, Tea e o sistema fluvial Ulla-Deza. O primeiro esténdese sobre unha modesta superficie de 150 hectáreas, nas que lle dá acubillo a 30 especies protexidas, das que 18 son aves. A súa importancia reside no potencial piscícola do curso fluvial e na súa vexetación ribeirega.
Pola súa banda, o espazo delimitado do Tea alcanza 356 hectáreas con 35 especies baixo a tutela da Rede Natura 2000. Ademais da súa formación ribeirega, é un curso fluvial importante para o salmón atlántico.
O sistema fluvial Ulla-Deza abrangue unha extensión que supera as 1 600 hectáreas, onde viven 49 especies. Entre as máis numerosas atópanse 24 especies de aves protexidas, nove invertebrados, seis mamíferos e outras seis de peces.

