Ir o contido principal
DESCUBRIR

Unha industria conserveira histórica

Grandes factorías e salinas esténdense pola costa das Rías Baixas

A conserva merece capítulo propio nas Rías Baixas, territorio cunha longa tradición desde o século xviii. A provincia de Pontevedra é, de feito, unha das capitais desta industria. Entre as conserveiras de maior relevancia histórica figuran a antiga fábrica de Massó, en Cangas, que foi a maior de Europa neste sector no seu momento de esplendor; e a de Goday, na Illa de Arousa, a primeira industrializada de Galicia.

A fábrica de Massó atópase en estado de abandono desde o seu peche, pero a súa impoñente figura forma parte da paisaxe de Cangas. Para coñecer a historia da saga familiar e desta industria é moi recomendable visitar o Museo Massó, no municipio veciño de Bueu, onde estes industriais posuían parte das súas instalacións. A fábrica de Goday foi, pola súa banda, reconvertida nun Centro de Interpretación da Conserva.

 

fabrica de conservas
Antiga fábrica de Massó, en Cangas

Alfageme e Curbera son outros grandes expoñentes históricos desta actividade na provincia de Pontevedra.

A tradición de conservar alimentos mariños remóntase á época romana. O xacemento da Lanzada (Sanxenxo), situado a beiras do mar, albergaba unha fábrica de salgadeira. Un lugar imprescindible para coñecer a historia desta industria é o centro Salinae, en Vigo, onde se atopa a única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio romano.

Outro espazo de grande interese relacionado coa extracción de sal son as salinas de Ulló, en Vilaboa, creadas polos xesuítas no século xvii e que son hoxe unha contorna de gran valor natural, excelente para pasar unhas horas de lecer.

Centro arqueolóxico Salinae

É un lugar imprescindible para coñecer a historia da industria da salgadeira. O Centro Arqueolóxico do Areal, en Vigo, alberga a única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio romano. Permite descubrir o interesante mundo do sal, a súa historia, como se obtiña e os diferentes usos que lle deron os romanos.

Centro Salinae
Desplegable