A terra
Un mundo de sabores
Rías Baixas produce carnes e hortalizas de fantástica calidade
Un territorio de enorme fertilidade e riqueza, unha paisaxe formidable, un patrimonio milenario e unha cultura arraigada transmitida de xeración en xeración. Por todo isto, a provincia de Pontevedra conforma un lugar único ideal para vivir experiencias inesquecibles co selo das Rías Baixas.
Campos de cultivo, ríos, bosques e viñedos nas ladeiras, chairas e á beira do mar producen a impresionante materia prima da gastronomía deste destino, que serve de fío condutor para unha viaxe de sabores que sacia os cinco sentidos. O termalismo, con raíces na época dos romanos; os fascinantes pazos, algúns deles con xardíns versallescos, a Ruta da Camelia, flor das Rías Baixas; ou o percorrido polo patrimonio espiritual con impresionantes mosteiros no interior e na costa prometen grandes experiencias para as e os viaxeiros.


Nos últimos anos, na Estrada reactivouse con forza a industria da sidra. A Ruta da Sidra ofrece un interesante percorrido por lagares e plantacións.
Os prados verdes, as condicións climatolóxicas e a fantástica orografía de Galicia en xeral e das comarcas do interior das Rías Baixas en particular foron claves para o papel destacado da gandería neste destino. Isto, sumado ao bo facer, á cría ao aire libre e a unha boa alimentación, dá como resultado unha excelente calidade nas carnes de gando vacún, ovino, avícola e porcino deste territorio.
Nicanor. Unha vida dedicada aos segredos do interior da provincia
Nicanor Portas é de Lalín, cumpre 90 anos e ten unha enerxía abraiante. Gárdase o secreto dunha vida tan longa e frutífera, pero descóbrenos a vida no interior da provincia de Pontevedra. Por exemplo, a maneira tradicional de cociñar as castañas... Terá algo que ver?