Primeiro porto en ter noticias de América
Loce un fermoso paseo marítimo con casas de pedra e galerías acristaladas
Protexida de mar aberto por unha preciosa baía, a súa situación é inmellorable para o abrigo de embarcacións en tránsito. Quizais teña que ver con estas excepcionais condicións que, en 1492, a carabela Pinta decidise arribar nesta localidade encantadora para comunicar o descubrimento de América.
A imaxe que lle dá a benvida ás e aos visitantes é a dunha fachada marítima composta por casas tipicamente mariñeiras que se manteñen ao longo de todo o paseo ao bordo do mar. Destacan as súas amplas galerías acristaladas e non é difícil imaxinarse as familias contemplando o océano desde as súas xanelas hai un século.
En 1492, a carabela Pinta arribou nesta encantadora localidade para comunicar o descubrimento de América
Estas construcións en pedra forman parte da zona antiga de Baiona, recoñecida como conxunto histórico artístico en 1993 e que se converteu na actualidade no corazón do municipio. As súas rúas son angostas e empedradas, salpicadas de casas nobres e edificios con soportais baixos, que crean unha atmosfera moi particular que consegue envolver a aquelas persoas que os visitan.
En Baiona, é obrigatorio visitar a fortaleza de Monterreal, cuxa muralla foi construída no século xiv durante a guerra con Portugal e é unha das pezas máis destacadas do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra. O recinto está aberto ao público e cruzando as súas murallas atoparémonos cunha espectacular vista sobre a baía de Baiona coas illas Cíes xusto enfronte.