Illas Cies
As illas atlánticas ofrecen paisaxes incomparables e gardan unha impresionante biodiversidade, tanto en terra como nos seus fondos. Descobre as praias, os cantís, os faros e as rutas deste territorio insular protexido que atrae visitantes de todo o mundo á provincia de Pontevedra.

Situadas na entrada da ría de Vigo, as illas de Monteagudo e Faro —unidas ambas as pola impresionante praia de Rodas e por unha ponte de pedra— conforman xunto á próxima San Martiño o fermosísimo arquipélago de Cíes, practicamente virxe e cunha cota máxima de 1 800 visitantes diarios para preservar a súa riqueza natural.

Aquelas persoas que visiten as illas atoparán praias de finísima area branca e augas cristalinas, ademais de diversas calas que fan deste lugar un enclave de ilusión. Rodas foi considerada como a mellor praia do mundo polo diario británico The Guardian. A pasarela que une as dúas illas permite que aquelas persoas que visitan o conxunto sentan baixo os seus pés a ondada que bate contra a cara este do arquipélago, moito máis escarpada. Entre o areal, que alberga un sistema dunar protexido, e a ponte fórmase a lagoa coñecida como lagoa dos Nenos.

Autorización de acceso
O acceso ao parque nacional das Illas Atlánticas é limitado, unha medida que se implantou coa finalidade de preservar e conservar esta magnífica paraxe natural. A autorización de acceso ás illas é gratuíta e para obtela é necesario cubrir un formulario. Posteriormente, as e os visitantes deberán obter o billete nas navieiras para acceder ás illas en barco.
Como chegar?
É necesario facelo en barco; para iso existen múltiples navieiras que o fan posible desde diversos portos das Rías Baixas. O barco parte cara ás Cíes desde Vigo, Cangas, Baiona e O Grove. Os portos de Sanxenxo, Portonovo, Bueu e Vilanova de Arousa ofrecen o itinerario cara a Ons.
Empresas navieras
