Pontevedra verde
O destino Rías Baixas destaca pola súa riqueza patrimonial e cultural, así como polas súas paisaxes naturais onde o mar e a vexetación se combinan de forma única. Nesta contorna privilexiada, a cidade de Pontevedra converteuse nun exemplo de equilibrio entre o urbanismo moderno e a natureza, e aposta por unha gran conservación e coidado das súas zonas verdes e xardíns.
Os parques e xardíns non só embelecen o espazo urbano, senón que tamén ofrecen lugares de descanso, encontro e benestar para a cidadanía e as e os visitantes, o cal reflicte de forma clara o compromiso coa sostibilidade e a proximidade da comunidade co medio.
Dentro desta aposta pola natureza na propia cidade, podemos situar tres zonas destacables: os xardíns de Vicenti, a illa das Esculturas e as marismas de Alba.
Os xardíns de Vicenti
Son un dos espazos verdes máis emblemáticos da cidade. A súa localización privilexiada, moi preto do centro histórico, incrementa a súa importancia como punto de referencia na vida cotiá das e dos pontevedreses. Neste espazo xúntanse zonas de paseo, árbores centenarias, parques e diferentes elementos ornamentais ―coma fontes e estanques―, que o converten nun lugar ideal para as reunións, o encontro e a desconexión.
A Illa das Esculturas
Destaca pola súa relevancia no día a día da cidade. Trátase dun parque singular situado á beira do río Lérez, sobre unha illa artificial. Este espazo ten a peculiaridade de contar con varias obras escultóricas que se integran completamente na paisaxe e que o converten nun museo ao aire libre (e de entrada gratuíta), o que lle valeu a denominación de lugar de importancia comunitaria (LIC). Posúe amplas zonas verdes, sendeiros e áreas de descanso, polo que é un lugar ideal para pasear ou practicar deportes.

As Marismas de Alba
Son un espazo natural de interese local (ENIL). Como o seu propio nome indica, estas marismas atópanse na parroquia de Alba, a escasos dez minutos a pé do centro da cidade. Esta xunqueira urbana alberga unha gran biodiversidade de flora e fauna, especialmente aves. Ademais das súas 80 hectáreas de superficie, estas marismas contan con sendeiros, observatorios e zonas de descanso ao longo de todo o percorrido, así como miradoiros ou casetas para a observación de aves, que o converten nun lugar interesante e accesible para todo tipo de persoas.

En definitiva, todos estes espazos, ademais de achegar unha gran riqueza ecolóxica, simbolizan o vínculo existente entre a cidade de Pontevedra e o coidado da contorna natural. Os xardíns de Vicenti, a illa das Esculturas e as marismas de Alba mostran como nas Rías Baixas é posible integrar natureza, cultura e lecer nun mesmo proxecto urbano.