Ir o contido principal
DESCUBRIR

A memoria do patrimonio industrial de Rías Baixas

A memoria do patrimonio industrial

A monumentalidade destes símbolos da puxanza económica das Rías Baixas axuda a manter viva a historia recente da provincia de Pontevedra

A provincia de Pontevedra conserva un importante patrimonio industrial que mantén viva a memoria dos anos de maior desenvolvemento dos sectores conserveiro e naval e de actividades estratéxicas, aínda que menos coñecidas, como a obtención de volframio en Fontao. Son inmobles monumentais que se reinventaron como espazos multiúsos ou centros expositivos, e aqueles que están sen recuperar conservan intacto o interese histórico e etnográfico a pesar da decadencia exterior.

A zona de Beiramar, en Vigo, é unha das mecas do turismo industrial na provincia de Pontevedra ao concentrar no bordo litoral a frenética actividade dos seus peiraos, as grandes factorías pesqueiras e navais en activo, e os vestixios das súas predecesoras —hoxe abandonadas— como a nave de Alfageme, cuxas pezas máis sinaladas expóñense no Museo da Conserva. Tamén son interesantes os restos da Artística e os silos da Panificadora, que agora se intenta recuperar para uso cidadán.

Antigua azucarera

Falar de patrimonio industrial nas Rías Baixas implica unha visita obrigada ao Museo Massó de Bueu, que custodia a colección baleeira máis importante de España. E sen saír do Morrazo, no litoral de Cangas, sitúanse a antiga conserveira da familia, que chegou a darlle emprego a dúas mil persoas, e os restos da baleeira do mesmo nome, ambas as dúas clausuradas nos anos noventa.

Muíño de mareas A Seca

Atópase situado na pontevedresa ría de Arousa, na parroquia cambadesa de Corbillón, entre as puntas de Tragove e Fefiñáns. Ten a denominación da Seca porque a zona interior queda seca na baixamar e volve encherse na preamar. Aproveitaba os fluxos do mar para facer funcionar as súas catro moas e hoxe acolle un pequeno museo. Chegou a moer ata 200 quilogramos por moa en dúas quendas, de día e de noite. A rehabilitación do complexo conservou o muíño, acondicionado como museo, para mostrar o legado popular das Rías Baixas.

Industria

O Centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa ocupa a antiga fábrica de Goday, sede da primeira conserveira industrializada de Galicia. Para o Museo da Salga do Grove tamén se recuperaron dúas antigas naves de salgadura ou salgadeiras, mentres que, en Vigo, os arquitectos Aldo Rossi e César Portela transformaron a vella conserveira de Alcabre no Museo do Mar de Galicia.

Hoxe, a cheminea da azucreira de Portas é un excelente miradoiro panorámico sobre todo o val do Salnés

Menos coñecida é a antiga azucreira de Portas, rehabilitada hai uns anos e cuxa cheminea de 60 metros de alto converteuse nun miradoiro panorámico ao Salnés. Tamén se recuperou como centro multiúsos a fábrica Laforet en Soutomaior, de onde saía o carburo cálcico que se utilizaba na iluminación de conserveiras. A que aínda espera a súa oportunidade para ser visitada é a Fábrica da Luz de Segade, en Caldas de Reis. Actualmente atópase en ruínas, pero ten unha historia apaixonante.

Outra das pezas singulares do patrimonio industrial de Pontevedra é o muíño de Covián en Silleda, único polas súas características e dimensións. Os restos do edificio, situado nun lugar de gran valor paisaxístico, datan de 1810 e foi rehabilitado en 2008.

 

Nave de Alfageme (Vigo)
Museo das mareas a seca
Restos ballenera
Museo mar Vigo
Fábrica de luz Segade

Non o podes perder...

  • Barco de Alfageme (Vigo)
  • Antiga fábrica de azucre de Portas (O Salnés)
  • Fábrica de Laforet (Soutomaior)
  • Muíño de Covián (Silleda)
Desplegable