A Deputación de Pontevedra celebra o éxito dun verán récord nas Rías Baixas
Con motivo da celebración do Día Mundial do Turismo, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo balance da campaña estival nas Rías Baixas, que volveu converterse nun éxito ao rexistrar preto de 700.000 visitantes entre xuño e agosto. Esta cifra consolida á provincia como destino turístico líder en Galicia, cun incremento do 4,25 % no turismo internacional.
Estes resultados reflicten un camiño de crecemento sustentable, baseado na posta en valor da natureza, o patrimonio, a cultura e o deporte como principais atractivos do destino. Durante a xornada tamén se presentou a nova aplicación móbil Rías Baixas Go, unha ferramenta innovadora que permitirá descubrir cinco rutas turísticas a través de tecnoloxías como a xeolocalización, os videoxogos e a realidade aumentada.
O acto, celebrado no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, reuniu aos informadores da rede provincial INFO RÍAS BAIXAS para recoñecer o seu labor e traballo, ademais de diferentes profesionais do sector. Xunto a eles, Luis López celebrou tamén o novo recoñecemento internacional recibido en Cannes, que reforza o prestixio da campaña promocional “Cando Volves?” como exemplo dun turismo sustentable e descentralizado.