Ir o contido principal
11 de Decembro de 2025

Food Trucks de Turismo Rías Baixas chegarán a todos os concellos da provincia

Food Truck Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra iniciou este venres a xira das food trucks que percorrerán os próximos meses todo o territorio provincial co obxectivo de promocionar e poñer en valor as festas gastronómicas de interese turístico que se celebran na provincia. Os concellos escollidos para facer as súas primeiras paradas foron Salvaterra de Miño (Praza do Concello), Bueu (Praza Massó, os días 6 e 7 de marzo, e Pavillón de Deportes de Beluso o 8 de marzo) e Cuntis (Praza de Abastos), onde entre o venres e o domingo ofrecéronse degustacións inspiradas nalgunhas das 25 festas pontevedresas de interese turístico en horario de mañá (de 12:30 a 15:30 horas) e de tarde (de 18:30 a 21:30 horas).

O Sabor das Rías Baixas conta cunha frota de tres vehículos, que realizarán tres rutas para percorrer o norte, o centro e o sur da provincia informando sobre a oferta das festas gastronómicas, promocionando e poñendo en valor a gastronomía pontevedresa. Ademais das degustacións inspiradas nos pratos típicos destes eventos, nas food trucks repartirase material e promocional como folletos e carteis onde se recollen as datas de celebración destes eventos, os produtos gastronómicos de referencia cunha breve descrición de cada un, e mais o lugar exacto onde se celebra cada festa.

O Sabor das Rías Baixas é un paso adiante da Deputación para diversificar a oferta turística da provincia, co obxectivo de atraer turismo interno durante a temporada baixa, así como para a descentralización das actividades levadas a cabo por Turismo Rías Baixas en todos os concellos. Este programa serve como ferramenta estratéxica para achegar ao público experiencias culinarias vinculadas á identidade cultural da provincia, para crear novas oportunidades de visita e consumo e tamén para favorecer a actividade económica local.

Volver a noticias